www.bestiario.com/mvcuc/d.php?id=586

A VIAXE AO IGUAZÚ NACEU CON BALEATO NA ÁREA PEQUENA. En resposta a unha carta ao meu amigo O Careca:

Guión primeiro - Iguazú: (debería voltar atrás, borrar iso e escribir mellor Tres fronteiras: vouno deixar así, pero que conste en acta o apunte a estes retruques á túa carta) se falamos de cidades, persoas e espacios urbanos (lindando co rural), Puerto Iguazú éche ben interesante. Pequena, a vila ten, como dirías ti, un espacio habitable xeitosiño (¿ou como era?: quizáis debería dicir que a habitabilidade da vila, bla, bla, bla).

Mentres, Foz de Iguazú é como unha muller desleixada (tamén deixada), descomposta, torpe, mal feita. A min Foz de Iguazú recórdame un pouco a Baleato, pero sin bigote. Baleato era un xogador do Bergantiños que se deixaba caer na área pequena do equipo opositor de cu. Unha vez, que eu vira, saiulle ben, pero iso é como o das triplas: dios, metiu seis triplas. Sí, habrá que contestarlle, pero fallou trinta e tres.

(Meteu, non metiu, valgan os dialectalismos, nos que insistirei).

Baleato, na procura do penalti, caía de Pascuas a Ramos de cú (que non é o mesmo que culeaba, e dille ti aos da RAG que traduzan iso) e era alto (o da altura é relativo e está suxeito ao tempo, que sei que che gustan as agullas: daquela, sendo eu neno, Baleato para min era alto: tempo-neno, relativo-min; a todo isto, quero que me des unha lección maxistral da materia á que te adicas cando esté en Oak Town: falo en serio).

(Vexo arriba o til no cu, penetrante, e penso na tozudez da especie humana en acentuar sempre fe e cu; curiosa asociación, canto menos).

Foz de Iguazú tamén é un pobo desgarbado. Se correse polo campo (por certo: cu-penalty), parecería un neno subido nunha bicicleta grande, pero enxoita, co apoio daquelas rodas pequeniñas que han de ter un nome de seu. Bicicleta-Baleato, rodas pequenas-brazos de Baleato e xa tes a estampa do xogador, que é a da vila. Ou sexa, ¿non che pasa a ti que cando ves a estas almas en pena polos campos de Mao, cos brazos estricados de xeito natural, como se fosen un avión planeando, pensas no neno enriba do ciclo (que, se somos precisos, sería un cuatriciclo; ou, dependendo do virtuosismo do rapaz co pedal, un triciclo)? Pois así podes imaxinarte a Baleato (a quen lle pegaría unha camisola de raias vermellas e brancas, horizontais, mais que a encarnada do Bergantiños, que vestía como La Selección) planeando coas mangas da citada camisola, que lle sobran, velaí as puntas frouxas, desosadas, rozando o chan.

Foz de Iguazú é un pouco así: suda o escudo, corre (mérito que xustifica a moitos mediocres pero nunca fixo grande a ningún crack; mérito que ten sentido en terras como Galiza —a la felicidad por la efepé electrónica—, onde o traballo e todo iso exerce de medio de realización persoal, social e espiritual), sácase da manga (a pesar de voar a ras de herba) unha pena máxima de vez en cando (un xogador como Baleato nunca debería tirar ese penalti), mete a pata de cando en vez (para ben, sachando, ou para mal, pifiando) e sal sempre entre aplausos, gañe ou perda o equipo, coa certeza (a del e a do público, que tenta tocarlle a cabeza mollada —e o bigote, húmido tamén— cando baixa as escaleiras de cemento que levan ao vestuario) non só de que non é bo senón tamén de que non poderá ser mellor, pero loita, corre e é honesto (menos cando cae de cu por intervención divina, pero iso, agora e cando o arbitro pita o final, é o de menos). Os xornalistas escribirían: se deja la piel en el campo ou calquera circunloquio que inclúa a palabra colores e o verbo sentir.

Os colores de Foz de Iguazú son o verde, o amarelo e o azul (sí, un pouco de branco, tamén), pero desteñidos (¿distinxidos?, cof, cof, cof). Ou sexa, éche a cidade, a vila grande, das tres fronteiras, lado brasileño, pero revélase como Baleato: só basta que suba de categoría o equipo, a unha Segunda B, por exemplo, para que prescindan dos seus servicios. Él sabe que podería gardar a esencia moral do equipo dende o banquiño, xornada a xornada, incendiando as venas da gorxa con tanto berro, só para, deportivamente falando, sair nos minutos finais dun partido de maio, consumida xa a tempada, sempre en campo local, para (dúas cousas) recibir o brazalete de capitán do sustituido e ser obxeto de dous aplausos, o da saída mesma (ovación) e o do remate do encontro (ovación e palmas na cabeza e no bigote camiño dos vestuarios: non, non vou a escribir vestiarios; pensareime o de bestiarios).

Foz de Iguazú, ademáis de como Baleato, é como estos equipos (tipo Arteixo) que nun par de tempadas (e axudados por unha empresa local vida a máis ou polo concello, pero non demos nomes) consegue colarse na Segunda B tras toda unha vida xogando polas leiras. Resultado: os fixos nas bancadas son o o sereno, o dos carajillos, o do bombo, Liso o Cego (se lle pilla na volta), o das rifas, o oitenta por cento das mulleres/mozas dos xogadores (sempre hai algunha que aproveita o partido para poñe-los cornos, lóxico), os nenos que entraron gratis ou polo burato da tapia e algún espontáneo sen escrúpulos.

Neste último caso habería varios subtipos, pero non me vou liar, que eu quería falar de Foz de Iguazú, bueno, máis ben da triple fronteira, pero poñamos como exemplo, un entre varios, ao prexubilado que sempre vai co paraugas e muda varias veces de ubicación, non se sabe se porque lle ferve o cu ou a fe. Podémolo ver, se temos ansia e Mao nos da saúde para alcanzalo coa vista:

nas bancadas vip, onde se poñen as señoras de toda a vida, cos pelexos, teóricamente héteros, e falo das señoras, que cascan pipas, nunca van con homes e ocupan unha posición social preminente ou destacada na vila, aínda que sexa só por vía parenteral, sanguínea ou seminal, ou sexa, a zona popularmente coñecida por onde se poñen as vellas, incluidas a muller do presidente (antes, agora calquera é presidente e a saber entón que gustos terá a súa dona), a responsable das amas de casa (non sempre), a presidenta da Cruz Vermella local e, cun pouco de sorte, a pequeniña aquela chosca, que se estivesemos na India tocaríalle con Liso trala rede, pero como isto é Arteixo, Cerceda ou calquer concello, xa dixen, cunha empresiña local en expansión ou que recibe impostos dunha empresa mineira (merda), de lixo (bosta) ou duns altos fornos (fillo, caca), a señora gasta lentes como as da Bardot e recibe asistencia social das outras polas no galiñeiro das bancadas, sorte que ten;

no ambigú, porque o señor é abstemio pero non perdoa un carajillo;

detrás da portería, onde todo vai ben ata que tenta intenta vacilar a Liso O Cego, rodeado de rapaces, decíndolle que a bola pasou rozando o pao, que o lesionado é Míchel —é curioso que en tódolos equipos pequenos haxa un Schuster ou un Míchel, mais nunca un Rummeninge ou un Stojadinovic— ou calquer parida que faga inflar o peito do paisano, que quere pasar por simpático cando o agraciado é Liso, non por ser cego nen pola súa capacidade para filmar o encontro na súa cabeza, senón por ese arte natural que manifesta co seu mítico berro halaberghantiñosghol, que ti ben poderías cambiar por halaseeghol, que non é hala ese ghol senón hala Cee gol);

e no portalón de saída dende dez minutos antes do final. Pero, ollo, non se vai: o tipo fica alí queixándose, sobre todo se chove, e quentando, porque a choiva nunca ben soa, ao personal que vai saíndo encollido desordeadamente do campo. Se vai co fillo, ou co sobriño, éste fará unha pregunta do tipo pai —ou tío—, ¿quen era ese señor co que falabas? e o noso bo home responderá, no setenta por cento das veces, que non sabe.

Cousas do fútbol, do elevador, das paradas de autobús, do coche de liña e da espera na consulta do médico de cabeceira. Por pouco que o neno investigue, o señor co que falaba terminará sendo: a) o ex cobrador do cine vello, e non digo o mozo porque non é, precisamente, nada mozo; b) o dono dun negocio de tres metros cadrados onde se trocan tebeos e novelas e se venden revistas de putas queimadas polo sol; ou c) o ex proxeccionista do cine novo, que pechou tamén, pero sempre seguirá sendo o cine novo, aínda que alí haxa agora unha tenda de chinos ou unha discoteca, tanto ten.

E sempre di, por certo, que o ano que vén non vai a renovar o carné, porque, por suposto, o noso elexido é socio. De toda a vida. Valga só como exemplo: se o equipo da cidade veciña ascende a Primeira, chegará a xustificar o éxodo de socios e espectadores, aludindo normalmente a motivos pecuniarios (por un pouco máis, ves fútbol de verdade, dirá), pero anos despóis él nunca terá pisado o campo do gran clube e seguirá pagando a cuota do equipo local, non sen antes marear durante un mes ao recaudador (outro bípedo obxeto de análise, sempre) con que se vai ou non vai a renovar. Bueno, ao final sempre o fai, tamén é certo, aínda que sexa capaz de perder o primeiro ou o segundo partido da nova tempada. Unha pena que cada día queden menos supporters con sensibilidade local. Aínda que haxa que aturalos.

Podería contarche máis cousas de Foz de Iguazú, máis que nada para quitarlle esa imaxen de cidade perigosa polas noites que che transmitiu O Cabeludo. Xa che digo: un pobo grande cun par de rúas anchas e ben iluminadas atravesadas por dúas ducias de rúas estreitas e mal iluminadas, pero non por iso non recomendables. O maior risco que corrín foi ceando nun rodizio de churrasco que custaba doce reais por barba (a Baleato saírialle ben máis a prezo, por aquelo do bigote), uns cinco euros, sen contar a bebida. Se fas cálculos e pensas no que pagamos no Sujinho, a cousa é para preocuparse, pero en cambio non acusei a enchenta senón que saín como un foguete para Puerto Iguazú, unha cidade totalmente oposta a Foz, á que lle faltaría sal e azúcar. Pouca xente polas rúas, desertas, e menos que facer. Hai outros Arteixos, pero están neste.

Guión segundo - Grande: fas alusión a esta palabra e dis que os arxentinos, inventores eles de poéticas gramáticas do falar cotiá, a utilizan en vez de maior ou adulto. Pois não, como din os brasileiros cando queren dicir pois sí, expresión que non deixa de marabillarme. Puerto Iguazú foi o noso (fun con Pedro) El Dorado. Teóricamente, é moito máis pequeno que Foz, pero se falásemos de habitabilidade (maldito o día en que introduciches ese concepto na miña vida), a de Puerto Iguazú sería maior, que non adulta nen máis vella, adxetivos que lle caen mellor a Foz.

Vida. Movemento. Cans de tres patas. Beleza declinada en feminino. Rima en consonante. Un hotel caro cunha piscina envexable ao que non fomos e un hostal cutre cunha piscina á que non puidemos ir. Pedro estivo lendo un libro na súa beira e describiu o fondo dela como de cor verde. A min a gobernanta díxome que estaría lista en dez minutos. Cando contrastei informacións, convertín esa fracción de tempo nunha odisea, que transcurriu por:

- as cataratas, das que non vou falar, porque é como se vas a México e ao voltar me falas do chile (con minúscula). Só dicir que non tardei en darme conta que na tarifa do paseo en lancha ía incluido o prezo da ducha a presión. Ou sexa, se non me bañasen (total, eu xa ía lavado da casa), tería pagado un cincuenta por cento menos, pero xa sabes que os xaponeses, se non saen coma pitos, non lle dan mérito ao asunto. En fin, tardei catro horas en secar, mentres paseaba, acompostelanado, pola selva, cruzando ríos e subindo montañas, pingando (ai, Pucho).

- unha parrilla onde matei a morriña de Bos Aires cun asado e un malbec óptimos.

- unha mesa de plástico, duas sillas e un parasol que oficializamos como a nosa noite alternativa, balada queda, conversa interesante (dous porteños itinerantes e buscavidas e todas esas cousas; sen can), moita, moita Quilmes.

- unha resaca competente.

- un alka seltzer, dúas latas de coca (como din aquí, xa sabes) e o aire acondicionado, necesario, dun negocio de computadores con conexión a internet (xa leches, creo, os austeros e discretos posts sobre a viaxe), unha camiñata e o descanso no hito, visionado dos dous ríos e das tres terras incluidos. Non conseguimos ver o monolito paraguaio, ou sí, pero érache redondo e non como o da praza do concello de Oak Town, polo que non o aceptamos como faro arraiano.

(Logo enterámonos de que debaixo das pedras estaba a area, pero a día de hoxe, e aquela segunda noite en Puerto Iguazú, aledeime de non telo sabido, pois me vería obrigado, por aquelo de estar alí e entón, a baixar ata a praia. Botamos no cumio arxentino tres horas ata que unha moza que pintaba, lía e durmía acordou do seu soño, ou sono, ou sexa, cando anoiteceu).

- unhas empanadas macanudas e unha pizza decepcionante. Pedro acertou cando dixo que o restaurante tiña que anunciarse como dispensador de masas recheas e non como pizzería. Máis que pretencioso, lesivo.

- lectura a fondo do Clarín, do que gardei unha interesante reportaxe, que aínda non lin, sobre un filme documental protagonizado polos presidentes arxentinos na democracia, excluindo a Kirchner por aquelo do tempo presente. O suplemento cultural Ñ leeríao na viaxe de volta, pero antes diso aínda atravesamos tres países. Non había máis.


Guión terceiro - Filias: estou contento de ter ido a Paraguai, mais entendo que, como ser analóxico, o interés de Ciudad del Este é relativo ou, por decilo doutro xeito, electrónico. Maquinillos. Tamén suciedade. Sí, doogy (¿cómo se escribe?), aínda que xa terás lido no blog que os seguratas paramilitares levaban uns pistolóns de carallo, que paradóxicamente garantizan a tranquilidade dos compradores. En todo caso, nadie para alí despóis de enche-la bolsa, e case tódolos traballadores e comerciantes viven en Foz. Eu digo que ésa será unha vida yin-yan. Ou Baleato-sindiós.

En fin. Que a viaxe quedou ben atrás e a próxima aventura será este domingo, coincidindo coa carreira do rapaz en Interlagos, da que che falarei cando pase. Teño un plan que pode ser o mellor ou o peor. Falando do mellor, e cambio de tercio outra vez, Motores fixo referencia no seu fotolog á presencia deste servo de Talita nos concertos da banda. Ata ela se pasou por Mi vida como un chino para saudar. Non facía falta, porque eu xa tiña preparado o podio fai tempo. Eu un podio reversible, que tanto da para un rezo como para unha performance.

Arriba, brazo en alto, Elodie Bouchez. Á súa dereita, embaixo e terceira na clasificación, Talita, tamén co puño. O posto, na verdade, é o de menos, pero levouse o segundo Scarlett (a confianza...), que olla para a actitude black power de ambas cun sorriso de boca pechada que incita ao canibalismo. Minto. Scarlett é unha santa. E non son oportunista porque xa o teño dito. O máis fermoso de todo, aparte delas, é que eu coñecín a Talita e á súa banda unha noite na Funhouse contigo e co Cabeludo. ¡Buaaah, buaaah!

Por certo, a rapaza é moi simpática.

E nada, por aquí andamos. Xa che botarei unha man, se queres, coa recuperación do teu extraviado caderno de bitácora. Pecaremos de falla de memoria histórica, sobre todo para os números, pero tampouco creo que importe. Hoxe toca Tom Zé no Cesc Pinheiros (nos fomos ao Cesc Pompéia, lembrarás, o da empanada chilena) pero intúo que xa non quedarán entradas.

Polo demáis, quédanme dous concertos de Motores e algunha semana máis. Antes dunha física, mándoche agora unha forte aperta virtual.

Mareas de vento,

Matías Bruñulf

[Versión para imprimir] [Enviar]

Publicado el viernes, 20 de octubre de 2006, a las 21 horas y 28 minutos


[1] Matías. Amigo, en realidad tengo yo tu ñ. Muy buena opición para el baño. Los derechos de image, los negociamos después. Saludos a tu amigo careca!
Comentado por Pedro | 21/10/2006 05:12
[2] Joder, qué cabrón...
Comentado por Matías Bruñulf | 21/10/2006 21:00
[3] Baleato. El Baleato al q te refieres es el alcalde de Val do Dubra ?¿?¿
Comentado por Dubra | 21/6/2007 21:54
[4] Prix Viagra 100mg Pfizer Cialis Cruz Verde Half Dose Propecia <a href=http://boijoy.com>levitra ou cialis</a> Difference Cialis And Viagra Viagra Online Apotheke Canada
Comentado por http://sildenaf50.com | 09/3/2019 13:14 | http://orderciali.com
[5] Viagra Aglio Cephalexin Keflex 500 <a href=http://leviplus.com>cheaper alternative to levitra</a> Prevacid Baclofen Pas Cher 25mg Fast Shipping Birth Control Pill
Comentado por http://leviinusa.com | 01/6/2019 10:39 | http://buysildenaf.com
[6] Contraindicaciones Del Viagra En Jovenes Low Dose Viagra Levitra Alla Menta <a href=http://ac-hut.com>»cialis</a> Ciprofloxacin For Cats Dosage Amoxicillin Potassium Clavulanate
Comentado por http://catabs.com | 05/7/2019 17:07 | http://rxasian.com
[7] Cephalexin Penicillin Taken Together <a href=http://genericvia.com>viagra online</a> Generic Propecia No Perscription
Comentado por http://viaonlineusa.com | 10/7/2019 09:03 | http://genericvia.com
[8] Diflucan Prices <a href=http://xzanax.com></a> Buy Thyroxine Online India Propecia Rapid Heart Beat
Comentado por http://staminamen.com | 20/7/2019 17:53 | http://6drugs.com






Ilustración de Toño Benavides
L M X J V S D
1 2 3
4 5 6 7 8 9 10
11 12 13 14 15 16 17
18 19 20 21 22 23 24
25 26 27 28 29 30
  
  





Bitácoras de Bestiario.com:
Afectos Sonoros | Cómo vivir sin caviar | Diario de una tigresa
El mantenido | El ojo en la nuca | Fracasar no es fácil
La cuarta fotocopia | La guindilla | La trinchera cósmica
Letras enredadas | Luces de Babilonia| Mi vida como un chino



© Bestiario.com 2004
bestiario@bestiario.com

Un proyecto de TresTristesTigres